Mostrando entradas con la etiqueta FERVENZAS E RIOS. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta FERVENZAS E RIOS. Mostrar todas las entradas

domingo, 11 de septiembre de 2022

FERVENZA DO POZO DA FERIDA - REGO DE LOUREIRO - VIVEIRO

FERVENZA POZO DA FERIDA

REGO DE LOUREIRO

VIVEIRO

  Pozo da Ferida
      É unha impresionante fervenza natural de máis de 30 metros, formada polo río Xudreiro, afluente do río Landro, nunha fermosa paraxe de limpas augas, que forma unha poza circular na súa base.

      Este salto atópase na parroquia de Monte, no concello de Xove. Pola parte de arriba do salto pódese ver un pequena pero fermosa presa, que era a que fornecía a auga a unha minicentral hidroeléctrica que se atopaba na parte baixa da mesma.

     Río abaixo a poza da fervenza desagua por unha serie de rápidos, nunha contorna chea de grandes eucaliptos.

      O nome recíbeo por unha lenda que xa moi poucos saben ou lembran. Segundo din, a cor das augas é dunha cor similar ao esterco por que nese pozo caeu de xeonllos unha vella xigante cun feixe (feixe moi grande que levaba sobre os ombreiros e as costas) de mulime (conxunto de vexetais cortados que se usaba para botar nas cuadras dos animais, para que estivesen secos e facer esterco) e xa nunca máis se puido levantar.

     Chégase pola estrada de Viveiro a Mondoñedo na que se colle un desvío a Valcarría, nas proximidades de Chavín.

     Desde este punto a fervenza atópase sinalizada, e é de moi fácil acceso.

     Tamén se pode acceder andando desde Casa do Batán, seguindo o curso do río Loureiro, que bordea a leira da casa e a pouco máis de 6 quilómetros desta, atópase esta paraxe natural de incrible beleza.

Roteiro Pozo dá Ferida
     O roteiro parte de Valado (Valcarría), subindo por un carreiro folgado. Despois de camiñar 1 Km. aproximadamente aparece un cruzamento ao pé do cal se haxa unha cruz que sinala a antiga existencia dun pequeno cemiterio, (onde enterraban os "anxiños", nenos que nacían mortos). 

     Deixando a cruz á esquerda, séguese o camiño todo recto ata alcanzar unha ponte (Ponte do Xudreiro).

 
     Cando se chega a este punto, transcorrería 1h. 30' aproximadamente, e pódese aproveitar a ponte para facer un pequeno descanso. 

      A marcha continua seguindo o carreiro de subida, sempre recto, deixando atrás varias desviacións, ata alcanzar unha serie de casas onde se atopa a primeira sinalización que indica o camiño de baixada (cada vez máis empinado), cara ao Pozo da Ferida.

VIDEO

MAPA

 

Fuente: Web Espacio Rural

XOAN ARCO DA VELLA

FERVENZA DO SALTO DO CORO - RÍO VALIÑADARES - MONDOÑEDO

 FERVENZA SALTO DO CORO

RÍO VALIÑADARES

MONDOÑEDO

A fervenza do Salto do Coro
     Salto de auga de 15 metros de altura

     A fervenza do Salto do Coro está situada nos montes de As Bouzas, en Mondoñedo, é unha contorna natural de gran interese turístico, a cal podemos acceder despois dun fermoso paseo entre regatos e saltos de auga.

A fervenza
      A Fervenza de Salto do Coro ten uns 15 metros de altura en caída de auga que se depositan sobra unha gran poza de augas limpas e cristalinas que nos meses de outono énchense das follas das moitas árbores que rodean este enclave.

     O caudal de auga non é constante, e é posible que se visitas a fervenza no verán te atopes cun fino fío de caída se non choveu en días recentes.


     Para ver de preto a fervenza é necesario acceder ata ela por medio dunhas escaleiras de pedra que nos permiten acceder aos pés da mesma, onde rompe a auga do río Valiñadares.

     A fervenza escóndese nun bosque infestado de vexetación verde e árbores autóctonas da zona. E as paredes rochosas do lugar forman un semicírculo coa fervenza ocupando a parte central.

Un roteiro dedicado á auga
     A súa visita é apropiada para os calorosos días de verán, mesmo podemos aproveitar para refrescarnos nas limpas augas do río Valiñadares. 

     Os amantes do sendeirismo, poden coñecelo a través do Roteiro da auga, é un roteiro de sendeirismo que parte da Fonte Vella no centro da vila de Mondoñedo, e despois da visita a dous muíños e varias aldeas ben conservadas, chégase ao Salto do Coro.

     O paseo é un agasallo aos sentidos en todo momento, especialmente ao da vista. As imaxes que se recompilan durante o paseo son dignas de reter na memoria durante un paseo no que o murmurio do correr da auga e o aire puro crean unha atmosfera envolvente que nos estimula durante o paseo.

     Este é un roteiro sinxelo que se pode facer tanto con nenos pequenos como con persoas con capacidades físicas máis limitadas, aínda que é certo que a subida ata a fervenza será máis complexa para estes últimos.

      En menos de tres horas faise o roteiro completo, que ten formato circular e uns oito quilómetros en total.

     Está perfectamente sinalizada para non perderse en ningún momento.

VIDEO

MAPA

 

Fuente: Paxinas Galegas

XOAN ARCO DA VELLA

 

sábado, 16 de julio de 2022

FERVENZA DO FIRBEDA - RÍO FIRBEDA - FORXA - PORQUEIRA

 FERVENZA DO FIRBEDA

RÍO FIRBEDA

FORXA

PORQUEIRA

 Fervenzas do río Fírbeda
      Trátase dun percorrido esixente en varios dos seus tramos, e con risco de caídas a distinta altura, polo que non é recomendable para facelo en familia.

      Cumprirá facer atención tamén en períodos húmidos ou chuviosos polo perigo de escorregar coa follaxe e pola dificultade do terreo.

      Dito isto, a ruta iníciase a carón dunha ponte de pedra tradicional, no curso baixo do río Fírbedas, xa na chaira limiá, cunha pequena área recreativa e un muíño. O sendeiro segue o curso pola beira dereita, río arriba, pasando por varias canles antigas destas construcións tradicionais, chegando a unha ponte de madeira. Este treito sería o de fácil acceso.

      A partir de aquí o camiño vai ascendendo, cunha grande pendente a maioría do tempo, rodeado de bosque autóctono conformado por carballos, castiñeiros, amieiros. 

     No noso ascenso temos diversos puntos de observación da Veiga de Ponteliñares, e de Forxa coa súa torre medieval, de grande importancia estratéxica nos séculos XI e XII polo control dos accesos a Galicia pola comarca da Limia. 

     Atravesando unha ponte de madeira iníciase decontado o descenso pola beira esquerda do río, ofrecéndonos un miradoiro sobre a fervenza ou fírbeda que lle dá nome ao río. Chegaremos á ponte que vimos ao subir e cruzándoa regresaremos ao punto de inicio.

VIDEO

MAPA 

 

Fuente: Turismo de Galicia

XOAN ARCO DA VELLA

viernes, 15 de julio de 2022

FERVENZA DO POMBAL OU DA OLA - RÍO QUIROGA - BESARREDONDA - QUIROGA

 FERVENZA DO POMBAL OU DA OLA

RÍO QUIROGA

BESARREDONDA

QUIROGA

Fervenza do Pombar ou da Ola
      Poderíase dicir que é a irmá da Fervenza da Pedriña, unha xoia da natureza enxaulada no transcurso do río Quiroga.

      É unha das fervenzas máis bonitas de toda Galicia, conta cunha caída de máis de 9 metros e unha poza de moita profundidade.

      En verán, é unha zona apta para darse un baño e relaxarse coas súas augas neste espazo tan acolledor e fantástico que a Serra do Courel nos ofrece.

    Para chegar a esta fervenza é preciso camiñar.

     Desde o pobo de Besarredonda, continuaremos aproximadamente quilómetro e medio en coche e desde ese punto seguiremos a pé por un sendeiro de 1 quilómetro de lonxitude ata chegar á fervenza.

PRECAUCIÓN no inverno e en épocas de choiva.


¿Cómo chegar?
     De costas á Casa do Concello de Quiroga, tomar a Rúa Real a man dereita e continuar por LU-623 5,2 quilómetros ata o desvío a man dereita que indica "Aldea de A Seara" LU-P-5001. 

     Continuar por LU-P-5001 11 quilómetros (1,4 quilómetros aprox desde Besarredonda). O traxecto total levaranos aproximadamente 25 minutos en coche.

     O sendeiro á fervenza está indicado. Será preciso camiñar aproximadamente 1 quilómetro en descenso.

VIDEO

MAPA

 

Fuente: Web de Turismo Ribeira Sacra

XOAN ARCO DA VELLA

 

jueves, 7 de julio de 2022

FERVENZA DE AUGADALTE OU DE SANTALLA - SANTALLA DE ABAIXO - SAMOS

 FERVENZA DE AUGADALTE 

OU 

FERVENZA DE SANTALLA

SANTALLA DE ABAIXO

SAMOS


Fervenza de Augadalte ou Santalla de Abaixo
     Un pequeno afluente do río Louzara forma este salto duns 25 metros e de escaso caudal.

Como chegar?
     Na estrada que vai do Incio ao Courel, colleremos o cruzamento que indica Santalla e Samos. Continuando ata Santalla de Abaixo e deixaremos o coche á beira das casas.

     Teremos que cruzar o río por un das dúas pontes e seguiremos o carreiro por entre as casas tirando río arriba. O carreiro acaba na fervenza.

     De moi fácil acceso.

Santalla
     San Xosé de Santalla é unha parroquia do concello de Samos na comarca de Sarria, na provincia de Lugo.

     No ano 2007 tiña 68 habitantes (34 homes e 34 mulleres), 3 menos ca no ano anterior.

Xentilicio
     O seu xentilicio é louzarino.

Patrimonio
     A Cova Grande é un espazo xeolóxico con estalagmitas e estalactitas. No ano 2007 sufriu unha agresión.

     No río Lóuzara existe unha piscifactoría adicada á cría do salmón atlántico.

     O 16 de agosto celébrase a romaría de San Roque.

Lugares de Santalla
     Casares, A Casela, Gamiz, Parada, Santalla, Vilar do Robledo

 
Comarca de Sarria

     A comarca de Sarria é unha comarca galega situada na metade sur da provincia de Lugo.

     Limita polo noroeste coa comarca de Lugo, polo nordeste coa dos Ancares, polo sueste coa de Quiroga, polo oeste coa de Chantada e polo sur coa Terra de Lemos.

     A capital da comarca, así como o núcleo máis poboado, é Sarria.

Parroquias de Samos    
     Castroncán (Santa Marta), Estraxiz (Santiago), Formigueiros (Santiago) Freixo (San Silvestre), Frollais (San Miguel), Gundriz (Santo André), Loureiro (Santa María), Lousada (San Martiño), Montán (Santa María), Pascais (Santalla), Reiriz (Santo Estevo), Renche (Santiago), Romelle (San Martiño), Samos (Santa Xertrude), San Cristovo de Lóuzara (San Cristovo), San Cristovo do Real (San Cristovo), San Mamede do Couto (San Mamede), San Martiño do Real (San Martiño), San Xil de Carballo (San Xil), San Xoán de Lóuzara (San Xoán), Santalla (San Xosé), Suñide (Santa María), Teibilide (San Xulián), Zoó (Santiago) 

VIDEO

MAPA

 

Fuente: Paxina Cascadas Gallegas

XOAN ARCO DA VELLA