domingo, 2 de julio de 2023

CALLEJEANDO EN REDES - CAAMOUCO - ARES

 CALLEJEANDO EN REDES

REDES

CAAMOUCO

ARES

Redes
     Redes é un lugar da parroquia de San Vicente de Caamouco no concello de Ares na provincia da Coruña.

     Tiña 271 habitantes no ano 2007 segundo datos do Instituto Galego de Estatística dos cales eran 137 homes e 134 mulleres, o que supón un aumento con relación ao ano 2003 cando tiña 270 habitantes.

     É unha vila mariñeira que ten un grande atractivo turístico.

     Redes era unha antiga e pequena aldea de pescadores, conserva na actualidade todo o sabor mariñeiro tradicional.

Caamouco
     San Vicente de Caamouco é a parroquia máis oriental do concello coruñés de Ares.

     Segundo o Instituto Galego de Estatística tiña 757 habitantes no ano 2018, dos que 361 eran homes e 396 mulleres, o que supón un descenso en relación ó ano 2007 cando tiña 818, aínda que durante o verán a poboación chega a cuadriplicarse.

     Caamouco ten boas praias na ría de Ares como as do Raso e Seselle e a vila típica mariñeira de Redes, que é un punto de interese turístico nas Rías Altas.

Patrimonio
    Pazo do Piñeiro na Rúa de Barracido.

Lugares de Caamouco
A Lousada, A Malata, A Regueira, A Rúa de Barracido, A Solaina, As Pezoas, Barracido, Burreiros, Carballás, Curmá, Curro, Ixobre, Lameira, Liñares, Mazaído, O Castro, O Outeiro de Barracido, O Pallizo, O Raso, Redes, Ríos, Rodelas, Seselle.

Ares
     Ares é un concello da provincia da Coruña, pertencente á comarca de Ferrol. 

     Segundo o IGE o 1 de xaneiro de 2014 tiña 5741 habitantes (2845 homes e 2896 mulleres) O seu xentilicio é «aresán».

Patrimonio histórico
     Ares conta cun estilo arquitectónico orixinal, con casas dunha soa planta e galerías de madeira pintada de cores vivas. 

     Todo o concello está salpicado por edificios de arquitectura indiana. Moitos deles son dunha grande beleza e gozan dun case perfecto estado de conservación.

     A súa singularidade converteuna nun destino de veraneo moi visitado nos anos 80 e 90. Este feito contribuíu á propia degradación do contorno arquitectónico, que se viu inundado de casas modernas de varios pisos, aínda que hai zonas que conservan o encanto orixinal da vila, como O Porto, onde abundan as casas dunha altura e paredes encaladas que envolven arrevesadas canellas.

     As construcións máis relevantes son o Mosteiro de Santa Catalina de Montefaro e as Baterías militares do Segaño e Coitelada, ademais dos restos dunha antiga torre situada ao final do espigón, en dirección a Estacas.

Xeografía
     Esténdese pola franxa costeira que vai desde a Ría de Ferrol ata o porto de Redes.

     A vila aresá está situada á beira dunha enseada rodeada de praias que suman case tres quilómetros costeiros de areais de augas tranquilas.

      As praias máis coñecidas de Ares son A Rampa, O Cruceiro e a A Xunqueira, Redes, Seselle, O Raso, Sabadelle, Río Sandeu e Chanteiro. Tamén hai algunhas calas como Estacas e Centeás e outras calas máis illadas.

Fauna e flora
     En Ares teñen presenza especies como as andoriñas, os morcegos ou os lucecús. A ría é rica en marisco; abundan as centolas, nécoras, ameixas, berberechos, percebes, vieiras etc. Tamén os muxos asoman pola ría e, nalgunhas épocas do ano, sobre todo no verán, é común divisar grupos de arroaces gozando das tranquilas augas desta ría.

     Ares ten territorio, o seu litoral máis exterior na ría, dentro da zona especial de conservación (ZEC) e a zona de especial protección para as aves (ZEPA) da "Costa Ártabra".

Economía
     A economía de Ares baséase na pesca, así como na agricultura e o turismo.

Turismo
       Entre as festas locais destacan O Voto de Chanteiro, O Carme e as súas procesións marítimas tanto en Redes como en Ares, San Roque en Ares, San Pedro en Cervás e a festividade do Corpus Christi. Na véspera desta última, ata ben entrada a madrugada, toda a xente da vila afánase en cubrir varias rúas do centro con alfombras feitas de flores polas que pasará o día seguinte a procesión.

    Ares conta ademais con dous cámpings próximos ás praias, hotel, bares e lugares onde gozar da gastronomía local.

     Hai varias rutas de sendeirismo e bicicleta de montaña polas que se pode gozar de vistas como a de Montefaro, coas Rías Altas e un Océano Atlántico sempre custodiado pola Torre de Hércules.

Comarca de Ferrol
      A comarca de Ferrol é unha comarca galega situada na provincia da Coruña e a súa capital é Ferrol. A ela pertencen os concellos de Ares, Cedeira, Fene, Ferrol, Moeche, Mugardos, Narón, Neda, San Sadurniño, As Somozas e Valdoviño.

      Limita ao norte e ao leste co océano Atlántico, ao leste coa comarca do Ortegal e ao sur coa comarca do Eume.

     Ten unha extensión de 623,45 km² e conta cunha poboación de 151.822 habitantes no 2020, distribuídos en 11 concellos.

      Xunto coas comarcas de Eume e Ortegal, integra a ambigua e non oficial Ferrolterra.

     A comarca pódese dividir en tres subcomarcas claramente diferenciadas:
    Os concellos bañados pola ría de Ferrol: Ares, Fene, Ferrol, Mugardos, Narón e Neda. Moi cohesionados entre si, son pequenos en extensión e teñen gran densidade de poboación; dependen en gran medida de Ferrol e Narón nas súas relacións.

Dende 1971 existe unha Mancomunidade de Concellos da comarca Ferrol, na que se integrou Valdoviño en 1977.
    Unha segunda zona, a máis afastada da costa, esténdese polos concellos de Valdoviño, San Sadurniño, Moeche e As Somozas.
    A terceira consiste en Cedeira.

    En todos os casos as intensas relacións funcionais con Ferrol integran estas diferentes vinculacións locais nunha unidade comarcal de orde superior moi condicionada por relacións económicas, sociais, administrativas e sanitarias.

     Ferrol é o concello de mallor importancia económica e o de maior poboación. A administración estatal, moi vinculada a intereses militares, a Xunta de Galicia e a xudicatura teñen a súa sede en Ferrol. A sanidade está artellada na organización do Sergas con sede no Complexo Hospitalario Arquitecto Marcide-Novoa Santos.

Pertencen á comarca de Ferrol os seguintes 11 concellos:
    Ares
    Cedeira
    Fene
    Ferrol
    Moeche
    Mugardos
    Narón
    Neda
    San Sadurniño
    As Somozas
    Valdoviño 

MAPA

 

XOAN ARCO DA VELLA

PETO DA PRAZA - PRAZA DO PETO - MANDÍN - VERÍN

 PETO DA PRAZA

PRAZA DO PETO

MANDÍN

VERÍN


    Peto de ánimas
     Os petos de ánimas atópanse en camiños e encrucilladas de toda Galicia e son unha das manifestacións materiais do culto aos mortos, da devoción polas ánimas. Tódolos construídos con anterioridade a 1901 son bens de interese cultural.

Significado
     O seu significado vén da crenza na continuidade da alma despois da morte e da existencia dun paso intermedio para chegar ao ceo, onde se redimen os pecados e faltas cometidas en vida (o purgatorio), moi arraigada na mentalidade popular galega.

     Dentro das construcións populares, os petos de ánimas son os que evidencian a importancia do purgatorio. A finalidade destes elementos populares é que os vivos poidan ofrecer esmolas para a salvación das almas en pena que non encontran descanso no purgatorio, e así alcancen a felicidade no ceo.Unha vez liberadas, intercederán por quen fixo a ofrenda. Por tanto, trátase de procurar a salvación dos mortos pero tamén de se asegurar a propia.

     Moitos deles foron construídos pola devoción dun fregués ou polos veciños dun lugar. Son moi curiosas as advertencias que se fan no seu nome.

     Por exemplo, no de Famelga de Aguasantas (Cerdedo-Cotobade) lese textualmente: "Un alma tienes y no más, si la pierdes qué harás...". Tamén se invita a recordar os antepasados: "Ave María Purísima. Acordaos de las ánimas de vuestros padres o abuelos o tíos o parientes o amigos". E, noutra parte do oratorio, apréciase esta inscrición: "Rogade por nos, Señor, E socorrenos cos vosos sufraxios que nos pediremos por vos".

Orixe
     As almas do purgatorio que son a meirande devoción galega, despois dos santos, de Cristo e da Nai; e, aínda que o culto teña a súa raizame no cerne mesmo do espírito galego, as mostras que se conservan son serodias.

     A idea do purgatorio, aumentada e revitalizada a partir do Concilio de Trento (século XVI), fixo que se desenvolvese a práctica da construción destes monumentos populares cunha determinada iconografía. Pero segundo parece, en Galicia é no século XVIII cando se fan a maior parte destes monumentos dedicados ás ánimas; e os máis antigos conservados corresponden ao século XVII.

Localización e dimensións
     As encrucilladas aínda inspiran temor aos naturais do país, e a súa causa está en que pervive nas crenzas actuais consideralas como lugar que fora destinado ao enterramento, especialmente dos apartados da comunidade cristiá. De aí a crenza de que polas mesmas vaguen durante a noite as almas dos condenados.

     Tanto a súa dimensión como iconografía son variadas, polo que é difícil establecer unha morfoloxía xeral, aínda que si se pode indicar que o corpo central do peto está composto por unha cavidade na que normalmente se representa ás ánimas no purgatorio, en relevo ou pintura, e un peto ou hucha para botar as esmolas. Estes elementos veñen a maioría das veces acompañados doutros secundarios: cornixas, pilastras, portiña de ferro etc.

O culto aos petos de ánimas
     Tamén é habitual que, ao pasar por diante do peto, se rece unha oración polas benditas ánimas para que poidan saír do purgatorio.

     Tamén se lles agradece algún favor feito, porque acostuman a axudar aos vivos.

     Pídeselles axuda para solucionar algún problema e colócanselles flores no seu recordo.

     Ás ánimas, sobre todo, ténselles respecto. 

MAPA 

 

XOAN ARCO DA VELLA

ALBARIZA DE BUSTELO DE FISTEUS - BUSTELO DE FISTEUS - QUIROGA

 ALBARIZA DE BUSTELO DE FISTEUS

BUSTELO DE FISTEUS

QUIROGA

     Os albares ou Albarizas son unhas peculiares construcións de forma redondeada, ás veces circulares, que antigamente se utilizaron para defender as colmeas dos ataques dos osos, animais moi afeccionados o mel.

     Foron quedando abandonados ao ir desaparecendo os osos pardos dos montes do Courel.

          Estas construcións feitas en pedra de lousa miden de 10 a 15 m. de diámetro por 2 de altura, e teñen as pedras superiores intencionadamente saídas cara a fóra para evitar que os osos rubisen.

     Xeralmente tiñan unha porta de entrada.

Bustelo de Fisteus
     Santa Barbára de Bustelo de Fisteus é unha parroquia do concello de Quiroga na comarca de Quiroga, na provincia de Lugo.

      No ano 2007 tiña 24 habitantes, deles 10 eran homes e 14 eran mulleres, o que supón un incremento de 1 habitante en relación ao ano anterior, 2006.

Comarca de Quiroga
     A comarca de Quiroga é unha comarca galega situada no sueste da provincia de Lugo, na fronteira coa comunidade de Castela e León.

     A súa capital é Quiroga e pertencen a ela os concellos de Folgoso do Courel, Quiroga e Ribas de Sil. 

Lugares de Bustelo de Fisteus
     As Barxas, Bustelo de Fisteus, Casa do Vello, Vesarredonda 

MAPA

 

XOAN ARCO DA VELLA

ESTACIÓN DE PONTEDEUME - PONTEDEUME

ESTACIÓN DE PONTEDEUME

PONTEDEUME

 Estación de Pontedeume
      Pontedeume é unha estación de tren de Adif situada na vila de Pontedeume, na provincia da Coruña.

     Ten servizos de Longa e Media distancia operados por Renfe.

Situación ferroviaria
      A estación atópase no punto quilométrico 23,3 da liña férrea de ancho ibérico que une Betanzos con Ferrol a 29 metros de altitude, entre os apeadoiros de Perbes e Cabanas-Areal.

        O tramo é de vía única e está sen electrificar.

Historia
       A estación foi inaugurada o 5 de maio de 1913 coa apertura da liña Betanzos-Ferrol, tras un longo período de proxectos e obras, tras quedar deserto o concurso para a súa construción e explotación.

      Encargouse a Norte que efectuase o mantemento necesario para a posta en servizo desta liña.

      Encargouse finalmente da explotación MZOV, e a partir de 1928, a Compañía Nacional dos Ferrocarrís do Oeste.

      En 1941, a estación pasou a depender da recentemente creada Renfe, quen xestionou a mesma ata a separación da compañía en Adif e Renfe Operadora o 31 de decembro de 2004.

A estación
      O edificio de viaxeiros é unha estrutura de dous pisos, actualmente sen servizos ferroviarios como despachos de billetes ou aseos.

       Atópase no noroeste da vila, preto da desembocadura do Eume na ría de Betanzos, e un pouco afastada do centro urbano de Pontedeume.

     Recentemente recrecéronse as plataformas da estación, ademais de instalarse farois nelas para unha mellor visibilidade.

      Conta con dúas plataformas laterais ás que acceden dúas vías. 

      Existe outra vía morta que se usa de forma esporádica para o apartado de material de mantemento da liña. 

MAPA

 

XOAN ARCO DA VELLA

sábado, 1 de julio de 2023

ESTACIÓN DE CABANAS-AREAL - CABANAS

 ESTACIÓN DE CABANAS - AREAL

CABANAS

 Apeadoiro de Cabanas-Areal
      Cabanas-Areal é un apeadoiro ferroviario de Adif situado no concello de Cabanas, na provincia da Coruña. Ten servizos de media distancia operados por Renfe.

Situación ferroviaria
      A estación atópase no punto quilométrico 24,5 da liña férrea de ancho ibérico que une Betanzos con Ferrol a 6 metros de altitude, entre as estacións de Pontedeume e de Franza.

     O tramo é de vía única e está sen electrificar.

Historia
      A estación foi inaugurada o 5 de maio de 1913 coa apertura da liña Betanzos-Ferrol, tras un longo período de proxectos e obras, tras quedar deserto o concurso para a súa construción e explotación.

       Encargouse a Norte que efectuase o mantemento necesario para a posta en servizo desta liña. 

      Encargouse finalmente da explotación MZOV, e a partir de 1928, a Compañía Nacional dos Ferrocarrís do Oeste.

       En 1941, a estación pasou a depender da recentemente creada Renfe, quen xestionou a mesma ata a separación da compañía en Adif e Renfe Operadora o 31 de decembro de 2004.

MAPA

 

XOAN ARCO DA VELLA