sábado, 7 de septiembre de 2019

MOSTEIRO DE MEZONZO - O PRIORATO - MEZONZO - VILASANTAR

MONASTERIO DE MEZONZO
O PRIORATO
MEZONZO
VILASANTAR

Mosteiro de Santa María de Mezonzo
     O mosteiro de Santa María de Mezonzo é unha edificación relixiosa da que practicamente só queda a igrexa de estilo románico no lugar do Priorato, da parroquia de Santa María de Mezonzo, no concello de Vilasantar, no extremo sur da comarca de Betanzos, na provincia da Coruña. 



     Foi declarada Monumento histórico-artístico no ano 1931.


Historia
     Aínda que probablemente se remonta a época do Reino Suevo, o mosteiro que hoxe coñecemos foi fundado como mosteiro dúplice polo abade Reterico e foi doado ao rei astur-galaico Afonso III o Magno no ano 870.



     Sábese que contaba cunha importante biblioteca. No ano 995 pasou a depender por permuta do de Santa María de Sobrado dos Monxes. A importancia do antigo mosteiro, xa beneditino, radica en que nel se criou e educou o insigne abade Pedro de Mezonzo que chegaría a ser bispo de Iria-Santiago na época das razzias de Almanzor e a quen se lle atribúe a noutrora coñecida oración da Salve Regina no século X e que chegou a ser abade dos mosteiros de Sobrado dos Monxes e de Altares para finalmente ser nomeado bispo compostelán. 


     Co pulo dado por Bernardo de Claraval á reforma cisterciense, acolleu á devandita orde monacal. Foi reedificado no século XII en pleno esplendor do románico galaico. 


     O mosteiro pasou despois a seguir a reforma cisterciense e finalmente foi priorado do mosteiro bieito de San Martiño Pinario.


Arquitectura
Interior
     Conta con planta basilical con tres naves de tres tramos, que rematan en tres ábsidas semicirculares, maior a central, como corresponde ao maior ancho da nave. O terceiro tramo das naves é case igual ancho que a devandita nave central, definindo así de forma aproximada un cruceiro. 



     Os arcos formeiros e faxóns son apuntados e os capiteis son historiados ou con decoración vexetal ou xeométrica. Sobre eles apóiase un teitume de madeira a dúas augas. 


     Conserva unhas interesantes columnas de mármore e unha pía de auga bieita probablemente de época sueva.


     As embocaduras das ábsidas están formadas por elevados arcos apuntados e o seu primeiro tramo cóbrese con bóveda de canón apuntada, estas ábsidas cóbrense con bóvedas de cuarto de esfera ou cascarón e sobre a embocadura da central onde se abren tres xanelas con arcos semicirculares sobre columniñas acodilladas sitúase un amplo rosetón con oito lóbulos desiguais, En posición semellante sobre as ábsidas ábrense estreitas troneiras alongadas.


Exterior
     No exterior a imaxe máis poderosa da igrexa constitúea o alzado leste do conxunto das tres ábsidas, que destacan sobre a ladeira inclinada nas que se sustenta a igrexa. 



     Están dividas por semicolumnas acaroadas en en tramos en que se abren as fiestras que corresponden cos ocos do interior, mais con arquivoltas semicirculares tóricas de coidada feitura sobre columnas acodilladas, rematadas por varios capiteis. 


     En cada ábsida un friso corrido ornamentado de xeito semellante ás arquivoltas enlaza as ventás entre si e sitúase entre as arquivoltas e os capiteis. Coroa cada ábsida un traballado beirado en forma de arcatura na ábsida central e sobre os canzorros nas laterais. 


     Sobre a ábsida central imponse o testeiro da nave central, cun gran rosetón de trazaría calada.


     A fachada oeste ou principal caracterízase polos poderosos contrafortes situados nas esquinas e no centro; entre as dúas centrais ábrese unha sinxela pero potente portada románica, composta por unha tripla arquivolta semicircular sobre columnas acodilladas nas xambas con capiteis moi desgastados de formas irregulares. 


     Considérase que algún dos fustes da portada puido pertencer á primitiva igrexa prerrománica. 


     Sobre o tímpano, con ménsulas laterais integradas, posibelmente existise no seu día algunha escultura hoxe desaparecida. Sobre a portada ábrese unha xanela abucinada rematada en arco de medio punto, semellante a outras que se abren ao longo das fachadas.


     Inda que o único elemento parecido a unha torre hoxe existente é a relativamente sinxela espadana de dous ocos situada no eixe da fachada principal. 


     Hipólito Sá Bravo di: «Chama a atención a posición da torre construída separadamente da igrexa. Non falla quen crea que foi erguida sobre os restos dalgunha edifiación do primitivo mosteiro».


     Na fachada sur destaca outra portada románica tamén situada entre contrafortes, esta vez formada por unha dobre arquivolta lixeiramente apuntada, tamén sobre columnas acodilladas sobre capiteis con ornamentación vexetal. 


     Resalta a orixinal decoración en arcatura da arquivolta interior e a forma trilobulada do tímpano sobre a portada.


     A fachada norte presenta un esquema compositivo semellante ao do sur, cunha portada románica entre os dous contrafortes centrais, neste caso menos traballada, inda que está formada, analogamente á da fachada sur por dúas arquivoltas, neste caso semicirculares, tamén sobre columnas acodilladas nas xambas con capiteis mellor conservados. 


     O tímpano, hoxe tamén practicamente liso, apóiase en ménsulas curvas e é o máis sinxelo das tres portadas. 


     Hai que salientar o fuste da primeira columna da esquerda, coa parte superior e máis importante en mármore veado, en lugar de granito, como a súa parte inferior mailo resto da portada. 

MAPA

SÍGUENOS:
Facebook
Twitter
Pinterest
Google+
Instagram
YouTube

XOAN ARCO DA VELLA

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Está permitida la reproducción total o parcial de los trabajos y fotos de este blog.
Te agradecemos nos sugieras de sitios para trabajos nuevos.
Mis correos:
Apd. de Correos: 83 - 36900 - Marin - Pontevedra
xoanarcodavella@gmail.com
Telf - WhatsAp.: 600590901