CAPILLA DA VIRXEN DO CAMIÑO
O FREIXO
CRECENTE
Esta ermida atópase no medio dunha ladeira do val do Miño, en advocación á Virxe do Camiño.
Dise que por aí pasaba un antigo Camiño de Santiago, proveniente de Portugal.
Chegouse a falar dun pasado ata romano, con restos entre o mosterio de San Paio e a igrexa románica de San Xoán de Albeos.
Entre outros datos de interese, a subida ata a Virxe do Camiño pasa xunto a un par de asentamentos castrexos.
O Freixo
San Roque do Freixo é unha parroquia que se localiza no sur do concello de Crecente na comarca da Paradanta.
Segundo o padrón municipal de 2013 tiña 86 habitantes (40 homes e 46 mulleres), distribuídos en 6 entidades de poboación, o que supón unha diminución en relación ao ano 1999 cando tiña 120 habitantes.
Historia
No lugar da Granxa, polo cal discorre o antigo camiño cara a Castela, librouse unha batalla durante a Guerra da Independencia española.
Patrimonio
A igrexa parroquial, baixo a advocación de San Roque, foi orixinariamente a capela do pazo de Queimadelos. Foi construída no século XVIII con planta rectangular dunha soa nave (século XVII).
Ten ábsida destacada en altura e cuberta a catro augas e o resto da nave con cuberta a dúas augas. A portada presenta espadana dobre, pináculos nos extremos e porta alintelada.
O pazo de Queimadelos, con planta en forma de L, está constituído por planta baixa e primeiro andar, baixo o cal hai tres arcos de pedra. No ángulo da planta hai unha escaleira e balaustrada de pedra. O portalón de entrada ten un arco adintelado sobre o que aparece un escudo e a cornixa moldurada con ameas. Ten un hórreo e un pombal.
A ermida da Virxe do Camiño, construída no século XIV, é románica tardía en transición ao gótico. Ten unha nave sen presbiterio diferenciado e un pequeno soportal cadrado. Foi restaurada en 1619 (ten unha inscrición nunha pedra encaixada na ábside co texto "reedificada por Juan Pérez Baylón de Crecente no ano 1619") e 1763, e ampliada en 1916.
Segundo a lenda, no século X o cabaleiro Mendoza camiñaba pola zona cando o alcanzou o demo, e exclamou "vállame Deus, San Xoán, as tres misas de Nadal e a Virxe do Camiño", e lanzou unha pedra ao aire que sinalou a localización da ermida. Está situada nunha antiga ruta do camiño de Santiago.
A carón dela hai un cruceiro coas imaxes de Cristo crucificado e a Virxe coroada cun neno Xesús nos brazos.
A ermida do Cruceiro Quebrado, adicada ao Cristo dos Aflixidos, foi construída en 1913 nun antigo cruzamento de rutas do Camiño Real. Ten portada con porta central de arco de medio punto e moldura plana e dúas ventás laterais tamén de arco de medio punto. A espadana ten un oco de medio punto e pináculos laterais con cuberta a dúas augas. A carón dela hai un cruceiro sinxelo.
Lugares do Freixo
O Freixo, A Granxa, O Lombo, Mollapán, Nane, Soutomaior
MAPA
SÍGUENOS:
Facebook
Twitter
Pinterest
Google+
Instagram
YouTube
XOAN ARCO DA VELLA
No hay comentarios:
Publicar un comentario
Está permitida la reproducción total o parcial de los trabajos y fotos de este blog.
Te agradecemos nos sugieras de sitios para trabajos nuevos.
Mis correos:
Apd. de Correos: 83 - 36900 - Marin - Pontevedra
xoanarcodavella@gmail.com
Telf - WhatsAp.: 600590901