sábado, 16 de junio de 2018

ALCAZAR DE MILMANDA - SANTA EUFEMIA - CELANOVA

 ALCAZAR DE MILMANDA
SANTA EUFEMIA DE MILMANDA
CELANOVA


Torre de Milmanda
     A torre de Milmanda, tamén coñecida como alcázar de Milmanda, é un vestixio dun castelo medieval, situado no cumio dun perfilado outeiro, preto do río Tuño, na parroquia de Milmanda, no concello de Celanova.




Historia
     O que na actualidade se configura como a torre-igrexa de Milmanda son os restos dun dos castelos máis importantes da historia de Galiza.



     Xa no século X aparece documentada a súa existencia, vinculado ao mosteiro de San Salvador de Celanova. No século XII pasou a pertencer á Coroa polas guerras que tiveron como resultado a creación do Reino de Portugal, e por esta causa debeu ser obxecto de importantes reformas e ampliacións. A finais dese mesmo século o rei Afonso IX de León concedeu á vila foro de reguengo, e promoveu a repoboación da zona con xentes procedentes de Celanova. Estas disposicións de repoboación foron confirmadas xa no século XIII por Fernando III de León e Castela.


     Novos privilexios reais chegaron despois, como a exención de portaxes concedida aos veciños por Afonso X, ou a confirmación do foro por parte de Sancho IV de Castela.


     O castelo foi palco dos enfrontamentos entre Pedro I de Castela e Henrique de Trastámara. Tras falecer Pedro en Montiel a maior parte da nobreza galega recoñeceu como sucesor a Fernando I de Portugal, xenro de Pedro I, o cal estableceu a súa corte neste castelo e realizou unha campaña de ocupación de moitas vilas e cidades do país galego.


     Tras rematar a guerra, Henrique II confiscou a fortificación de Milmanda, pasando en 1383, a depender directamente da coroa até 1446 cando foi cedido por Xoán II de Castela en señorío ao conde de Benavente xunto co resto da comarca.


     Durante a Gran Guerra Irmandiña foi derrubado polos sublevados. Afogada a revolta os veciños da vila foron obrigados a erguer o castelo de novo.


      Un dos señores do castelo, o señor de Vilardecãs Francisco Feijoo Sotelo, foi protagonista dun célebre feito:


     Un fidalgo de Milmanda fora xulgado á forza e condenado na vila portuguesa de Melgaço. O señor de Vilardecãs reuniu 40 homes armados e atacou o cárcere rescatando o condenado. Como resposta a esta provocación, o duque de Bragança xuntou 6.000 homes e, en resposta a este, o conde de Benavente xuntou outros 6.000, comezando deste xeito a guerra entre España e Portugal, que só terminou baixo a condición de que o señor de Vilardecãs deixase o mando do alcázar de Milmanda.


     O derradeiro nobre que posuíu o castelo foi Suero Eanes de Prada, partidario de Pedro I, que trala morte do monarca partiu a Portugal para non regresar. Conta a lenda que ningunha outra casa da nobreza volveu posuír o castelo.


Características
     O castelo posúe dous camiños a modo de adarve a diferentes alturas. O máis alto rodea a vila. Preto do cumio ábrese un gran foso defensivo, na actualidade tapiado no lugar que ocupaba a ponte levadiza.



     Da cerca consérvanse dous muros, un deles terminado nun torreón. No centro aprécianse os vestixios da torre da homenaxe. A actual igrexa aproveitou unha das torres do castelo como campanario, que se rodea dun recinto de cachotería como posíbel barbacana.


     Na cara oeste consérvase unha torre de máis de 6 metros de altura e outra construción próxima. Consérvanse outros elementos defensivos, como restos de camiños fortificados e de fiadas da muralla.


 Milmanda                                      
     Santa Eufemia de Milmanda é unha parroquia do concello ourensán de Celanova na comarca da Terra de Celanova. No ano 2007 tiña 177 habitantes (83 homes e 94 mulleres) distribuídos en 9 entidades de poboación, o que supón unha diminución de 27 habitantes en relación ao ano 2000.



Historia
     Milmanda recibiu en 1199 a primeira carta foral outorgada a unha poboación reguenga en Galicia. O topónimo Milmanda foi outorgado por Afonso IX nesa carta e correspóndese con topónimos franceses como Mirmande e Marmande.



     Pertenceu ao concello de Acevedo do Río que en 1968 incorporouse a Celanova.


Patrimonio
     Na parroquia sitúase a torre de Milmanda, vestixio dun castelo medieval.



Santa Eufemia
     Santa Eufemia é un lugar da parroquia de Milmanda no concello ourensán de Celanova na comarca da Terra de Celanova. Tiña 14 habitantes no ano 2011 segundo datos do INE e do IGE, dos cales 8 eran homes e 6 mulleres. Iso supón un mantemento da poboación respecto a 2010, cando tiña 14 habitantes (8 homes e 6 mulleres).



Lugares de Milmanda
     Ademourán, O Carballo, Carracedo, A Madanela, Moimenta, Orbán, O Pereiro, San Martiño, Santa Eufemia



Comarca da Terra de Celanova
     A comarca da Terra de Celanova é unha comarca galega situada na provincia de Ourense e a súa capital é Celanova. A cal pertencen os concellos de A Bola, Cartelle, Celanova, Gomesende, A Merca, Padrenda, Pontedeva, Quintela de Leirado, Ramirás e Verea. 


MAPA

SÍGUENOS:
Facebook
Twitter
Pinterest
Google+
Instagram
YouTube
XOAN ARCO DA VELLA

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Está permitida la reproducción total o parcial de los trabajos y fotos de este blog.
Te agradecemos nos sugieras de sitios para trabajos nuevos.
Mis correos:
Apd. de Correos: 83 - 36900 - Marin - Pontevedra
xoanarcodavella@gmail.com
Telf - WhatsAp.: 600590901