viernes, 8 de septiembre de 2017

A CASA ESCUSALLA - LUDEIROS - LOBIOS

A CASA ESCUSALLA
LUDEIROS
LOBIOS
OURENSE


     A Escusalla é unha edificación feita a base de perpiaño granítico nunhas partes, e cachotaría noutras.


     Revélase como un edificio de dúas alturas, dividido en numerosas estancias. Posúe un gran patio interior no que atopamos dúas escaleiras, unha a cada lado da casa. Na fachada posterior podemos ver unha magnífica balconada con repisa sobre canzorros de perfil de modillóns, aínda que cuberta pola maleza.


     Na entrada principal atópase unha pequena capela ben conservada adicada a San Xosé, como reza a inscrición que aparece no lintel da porta de entrada: “SANTORUM D JOSEPH”.



   Segundo a documentación que hoxe en día se conserva ( Libro de Visitas Pastorais a Manín do 10 de setembro de 1831 e o Real de Eclesiásticos do Catastro de Ensenada de Traspórtela do 22 de agosto de 1753), a Casa da Escusalla foi construída a principios do século XVIII polo Abade de Manín, Don José Martínez y Parga, un párroco cun alto poder económico e que se cre pertenceu á Inquisición, como reitoral. Trala súa morte pasou duns clérigos a outros ata que, coa Desamortización de Mendizábal, caeu en mans privadas.



     Sobre a capela da entrada o Abade Martínez y Parga fundou unha Capelanía Colativa titulada de San Xosé. As Capelanías Colativas caracterizábanse pola intervención eclesiástica na súa fundación e a “espiritualización” dos bens sobre as que estaban fundadas.



     A día de hoxe a Casa da Escusalla é propiedade da Administración Xeral do Estado nun 75%, e o 25% restante está en mans privadas.



     A principios do século XX un canteiro de Padrón adquiríu a vivenda, e en 1931 hérdana os seus catro fillos. Tres mantiveron a titularidade, a que agora está en mans da Administración, pero o cuarto vendeu a súa parte por 1.750 pesetas e un traxe novo. Foi nese momento cando a casa perdeu a súa habitabilidade.



Tradición oral:
     Existen infinidade de lendas e contos relacionados coa Casa da Escusalla: Coméntase que neste lugar era habitual a práctica de bruxería e torturas.



     Segundo contan, o último habitante da casa foi un policía portugués ao que lle chamaban Tío Roque. Este home dicía que vira un fantasma dun freire cunha xiba con dúas monxas. Ao fantasma chamábanlle “Marrequiño”(chamado así porque tiña corcova) e contan que era un freire que viviu alí no S.VIII e se adicaba a matar aos xornaleiros portugueses que contrataba para non ter que lle pagar e logo enterrábaos no patio. Despois volvía contratar outra xente e volvía a matar. Cando en Portugal lle preguntaban polos anteriores traballadores, dicía que fuxiran.



     Outra versión di que era o Marrequiño quen mataba a xente que contrataba para a vendima.



     Nas noites que non hai lúa chea é posible ver as ánimas destes homes. Trala morte do policía portugués, uns vagabundos portugueses, despois de pasar unha noite alí contaron tamén que viran certas aparicións. Tamén se fala que durante as noites de lúa chea, pódense ver varios freires paseando pola casa e orando nas diferentes estancias. 



     Noutra variante, ese mesmo freire aparece con dúas damas vestidas de branco e que invita a todos os que pasean por alí a que no volvan. De feito un home que foi alí, veciño do lugar, díxolle a un estudoso de Santiago de Compostela que esquecera unha machada e cando regresou a recuperala a ánima reprendeulle.


     Nunha noite pechada e sen lúa, un home que baixaba para Aceredo alá polos anos 50, moito antes de que chegase a luz eléctrica a este lugares (se ben hai que resaltar que aínda hoxe non hai luz nesta paraxe) ou se coñecera aparato que puidese producir unha enorme cantidade de enerxía, este home cando pasaba por diante da casa atopouse co patio completamente iluminado cunha luz tan forte, que lle resultaba cegadora, unha luz que subía cara o ceo coma un raio, e que o fixo acanear, pero ante a cal non se detivo e continuo o seu camiño.



     Outra historia ten que ver co traslado dun cadaleito dende Ludeiros ata o cemiterio de Aceredo. Polo visto os homes que portaban a caixa, cando se achegaron á Escusalla, comezaron a non poder co peso e remataron por quedar derreados.



     A un veciño de Ludeiros, nunha noite que retornaba polo camiño cara a súa casa, logo de moito andar e estar un tanto canso, atopouse ao carón da Escusalla un burro, e o que se lle ocorreu é que podía chegar antes se montaba a cabalo do animal e o guiaba camiño arriba, pero polo visto tal e como relatou o tal personaxe, é que o burro comezou a medrar e medrar, que mesmo semellaba un monstro ou como dicía el, semellaba parecer o diaño.



     Nunha noite de verán, subía un home novo cara Ludeiros logo dunha xornada de fiadeiro en Aceredo, este home que destacaba por non ter medo a nada, ao chegar ás inmediacións da Escusalla, fronte do patio interior onde asoma un enorme balcón de pedra, detívose a ollar para Buscalque (lugar desaparecido polas augas do encoro de Lindoso, xusto entre esta aldea e Os Aguinchos, zona de praia do Río Limia), tiña fama de ser un lugar onde se xuntaban as bruxas para celebrar os seus aquelarres, e atendendo ás súas explicacións comezou a ver como voaban aquelas bruxas nas súas vasoiras, como danzaban en col a unha grande fogueira e a festa que alí se vivía resultaba tentadora, pero por se fose pouco, díxo que o viu con tal claridade que é coma se o tivese ao lado, e cando menos en liña recta, había uns tres quilómetros. Pero non deixou de ser máis que unha ilusión, pois cando subiu da casa da Escusalla cara Ludeiros, xa non era capaz de albiscar algo do visto minutos antes.



     Outra das lendas que circula no lugar é a de que en certa ocasión viña unha veciña de Compostela guiando o carro das vacas logo de descargar un viaxe de esterco nunha leira que tiña nas proximidades, e cando encarreiraba o camiño cara o lugar, ollou para unha das fiestras que dan para o camiño e viu a pantasma dun crego, a muller chegou á casa a tremer, e co impacto do que tiña visto non articulaba palabra, ata que pasado un tempo contou o que lle tiña acontecido.



     Tamén circulan comentarios sobre a posibilidade de que exista un túnel que dende a casa chegara ata as inmediacións do río Mao, pois hai quen afirmou que unha vez cando ía acompañando a auga para regar un campo, esta perdeuse por un burato no que se sentía como caía nun espazo oco de pedra.



     Nos anos noventa, aínda baixaba algún que outro veciño a coller o coche de liña á estrada nacional, e un deses días un pai que tiña acompañado a súa filla, de volta para Ludeiros, cando aínda era de noite, ao pasar pola Escusalla ollou algo que o estremeceu, algo que xamais contou.


MAPA

SÍGUENOS:
Facebook
Twitter
Pinterest
Google+
Instagram
YouTube
 Fuente: Web Patrimonio Galego
XOAN ARCO DA VELLA

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Está permitida la reproducción total o parcial de los trabajos y fotos de este blog.
Te agradecemos nos sugieras de sitios para trabajos nuevos.
Mis correos:
Apd. de Correos: 83 - 36900 - Marin - Pontevedra
xoanarcodavella@gmail.com
Telf - WhatsAp.: 600590901