viernes, 2 de diciembre de 2016

MAUSIÑO - 2015 - VIÑA MORAIMA

 MAUSIÑO - 2015
VIÑA MORAIMA
BARRO


     Coa presentación de “Mausiño 2015”, viño elaborado a partir da variedade Ratiño (catalogada recentemente e localizada en determinadas microviñas compostas por cepas moi antigas que se localizan no municipio de Barro), a cooperativa Viña Moraima culmina un proxecto de vinificación experimental que se prolongou durante dos años. A produción deste viño, presentado este xoves no Pazo da Crega, limitouse a 500 litros e pon en valor o potencial enolóxico e de futuro desta variedade autóctona.



     No acto de presentación, Roberto Rivas –socio fundador de Viña Moraima e un dos impulsores deste proxecto de vinificación experimental- definiu “Mausiño” como un viño “con moito corpo e estrutura en boca” e “cunhas notas moi particulares que o diferencian do resto de variedades coñecidas”.



     A produción de “Mausiño”, que non vai comercializarse por tratarse dunha clase de uva non incluída aínda no catálogo oficial de variedades, enmárcase nun proxecto de vinificación experimental cuxa misión principal consistiu en probar a aptitude enolóxica da variedade Ratiño, identificada desde hai moitos anos pola MBG (CSIC), no marco dos estudos de recuperación e caracterización de antigas variedades de uva de Galicia e Asturias. O proxecto pretendía, ademais, comprobar as características organolépticas que ofrece a variedade Ratiño e constatar o seu potencial enolóxico.



     Para a súa elaboración, o equipo de enólogos da cooperativa –integrado por Cristina Yagüe e Roberto Taibo- comparou o comportamento da nova variedade coa do Albariño. “En base ao coñecemento e manexo do Albariño que posuímos e ás características que presenta a uva ratiño, fixemos unha elaboración pensando nesta variedade”, sinala Cristina Yagüe.



Aposta pola diferenciación

     Aínda que Galicia se distingue xa pola súa ampla riqueza varietal no ámbito vitivinícola, “recuperar variedades autóctonas ten unha importancia maiúscula pois permite seguir afondando na diferenciación dos nosos viños e abrir novas posibilidades comerciais”, considera a enóloga de Viña Moraima. “Ademais, esta recuperación ten unha compoñente etnográfica e tamén un valor sentimental moi relevante”, engade.



     A elaboración de “Mausiño” foi posible grazas ao traballo de investigación do equipo enolóxico de Viña Moraima en colaboración coa Misión Biolóxica de Galicia, centro do CSIC en Pontevedra, que transferiu material vexetal aos técnicos da cooperativa á vez que lles asesorou sobre determinados aspectos desta variedade. Ademais, dada a adscripción de Viña Moraima á D.O. Rías Baixas, foi necesario solicitar a autorización do Consello Regulador para vendimar e elaborar un viño a partir dunha variedade non amparada.



Máis dun cento de persoas
     Ao acto de presentación de “Mausiño” acudiron máis dun cento de persoas e contou coa intervención de Carmen Martínez Rodríguez, investigadora científica do Consello Superior de Investigacións Científicas e xefa do Grupo de Viticultura da Misión Biolóxica de Galicia que leva moitos anos estudando a variedade e achegando datos para facilitar o seu recoñecemento e introdución na listaxe española de variedades de vide de interese comercial.



     Tamén interviron os socios, Salomé Cancela e Roberto Rivas, quen se encargou de transmitir os agradecementos da adega, a todos os implicados dun ou doutro xeito no proxecto. O acto fechouse coa interpretación sorpresa da Marcha do Antigo Reino de Galicia por parte do  gaiteiro arousán Kristian Silva.



Sobre Viña Moraima
      Xurdida no ano 2006, a cooperativa Viña Moraima agrupa 12 socios que veñen cultivando tradicionalmente as viñas herdadas dos seus proxenitores. Trátase de viñedos que se caracterizan pola súa antigüidade xa que, nalgúns casos, superan os 100 anos de idade. A cooperativa elabora viños a partir das variedades Albariño e Caíño Tinto colleitadas en 14 hectáreas de terreo que se localizan no municipio de Barro e comercializados baixo as marcas Moraima e Aba de Trasumia.


MAPA

SÍGUENOS:
Facebook
Twitter
Pinterest
Google+
Instagram
YouTube
XOAN ARCO DA VELLA

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Está permitida la reproducción total o parcial de los trabajos y fotos de este blog.
Te agradecemos nos sugieras de sitios para trabajos nuevos.
Mis correos:
Apd. de Correos: 83 - 36900 - Marin - Pontevedra
xoanarcodavella@gmail.com
Telf - WhatsAp.: 600590901