A PONTE DO PASAMENTO
LENDA
MONDOÑEDO
Sabido é que á morte do rei Enrique IV os nobres dividíronse en dous bandos: uns puxéronse da parte de dona Sabel e outros de dona Xoana, a filla do rei. En Castela venceron de contado os que apoiaban á irmá de don Enrique, mais en Galicia tiñan maior forza os que defendían os dereitos de dona Xoana.
Eran estes principalmente o Conde de Lemos, o de Soutomaor e mais o Mariscal Pedro Pardo de Cela.
Partidario de dona Sabel foi o señor don Diego de Andrade e seus amigos.
Os Reis Católicos enviaron a Galicia, de acordo co de Andrade, un exército comandado por certo aventureiro francés, o capitán Mudarra, e con el o bacharel García de Chinchilla e mais o señor Ladrón de Guevara como gobernador de Galicia, coa orde de facer "xustiza"; aquela xustiza que, segundo o cronista dos reis, "cortaba brazos e pernas e cabezas, de tal sorte que semellaba crueldade, mais que era necesaria".
A loita, malia deso, continuou no decurso de tres anos, ata que, vendo difícil de vencer ós poderosos señores que non acataban a dona Sabel,e don Fernando, os partidarios destes recorre á traizón e conseguiron así dominar ós seus contrarios. Ó conde de Camiña, señor de Soutomaior, matárono; disque lle botaron un garrote mentres durmía, o de Lemos morreu, ó que díxeron, de vello; e o Mariscal foi collido co seu fillo e outros fidalgos nunha casa do Castro de Ouro, despois que, comprados algúns dos seus criados, lle abriron a Mudarra as portas do castello da Frouseira.
Pardo de Cela e mais o seu fillo, un mozo de 22 anos, foron xulgados por un tribunal, en Santiago e condenados a morte.
Cando dona Sabel de Castro, a muller do Mariscal, soubo tan tristeira nova, decidiu presentarse á raíña en demanda de clemencia e partíu de contado camiño, de Valladolid, onde aquela se atopaba.
Mais, o bispo de Mondoñedo, que tiña empencha ó Mariscal porque este non quixera entregarlle algúns bens da súa dona, que lle foran doados po-lo tío desta, don Pedro Enríquez de Castro, anterior bispo da diócese, nin quixera tampouco deixar de cobrar rendas que lle foran concedidas po-lo rei don Enrique naquel bispado, enviou, tamén á súa vez emisarios para que non lle fora concedido o perdón real a Pardo de Cela.
Corríalle, pois, présa ó bispo de Mondoñedo a morte do Mariscal por se a señora dona Sabel de Castro chegaba coa gracia concedida po-la raíña, e logrou adiantar a punición.
Pasatempo Non obstante, o día sinalado para o suplicio chegaron novas de que dona Sabel viña co perdón, e cabalgaba apresadamente levada das arelas de esposa e de nai que sabe en perigo a vida dos seres queridos.
Mais, daquela o bispo imaxinou o modo de que o perdón non chegara a tempo, e enviou á entrada da cidade algúns dos seus cóengos, que agardaron a chegada da desditosa señora, e alí a detiveron, entreténdoa con mil faladurías e enganos.
A coitada quería seguir adiante; mais eles, asegurándolle que nada tiña que recear, seguiron a súa conversa teimosa, non en tanto na praza de Mondoñedo o Mariscal e mais o seu fillo eran entregados ó verdugo.
As nobres testas rolaron polo chan, e as campás da catedral dobraron a morto. Foi só entón cando a espavorida señora puido entrar na cidade.
Dende entón os veciños chámanlle a aquel lugar a Ponte do Pasatempo.
MAPA
SÍGUENOS:
Facebook
Twitter
Pinterest
Google+
Instagram
YouTube
Fuente: LENDASGALEGAS
XOAN ARCO DA VELLA