miércoles, 23 de marzo de 2016

PETROGLIFO DE TRANSFONTAO

 PETROGLIFO DE TRANSFONTAO
TABOADA
SIADOR
SILLEDA


     O couto de Trasfontao, o novo atractivo rupestre de Silleda.


     O seu descubridor, Daniel González Alén, entregou ao Seminario de Estudos de Deza un traballo sobre a arte rupestre no municipio.


     O escritor e historiador lalinense Daniel González Alén, vén de descubrir unha nova estación rupestre no Concello de Silleda con numerosos petróglifos de entre os que sobresae un que representa unha figura humana inédito deica agora no repertorio dos gravados rupestres de Galicia. 



     Ademais da descuberta desta interesante estación o cronista deza o que contou coma decote coa axuda de su irmán Xesús localizou novos petróglifos nas proximidades das estacións de Penalonga (Cortegada), Castro Montaz (Oleiros) e A Peneda do Encanto (Siador). 


     Todos estes petróglifos están xa en proceso de catalogación por parte da Dirección Xeral do Patrimonio logo dunha visita que o arqueologo silledense Luís Xulio Carballo Arceo realizou días pasados a estes enclaves na compaña do seu descubridor. Tamén van ser incluídos no PXOM de Silleda para que en adiante conten con axeitada protección e divulgación.


     O municipio de Silleda xunto ao de Agolada son os que contan cun maior número de estacións rupestres descubertas na comarca deica a actualidade.


     Concretamente na terra de Trasdeza, téñense catalogado dende a década dos cincuenta do pasado século os de Primadorna en Breixa, Peneda do Encanto en Siador, Pena das Cazolas en Laro, Chao de Petos e os de Castro Montaz en Oleiros e Penalonga en Cortegada. Este importante patrimonio prehistórico que os expertos datan entre os séculos IV e I antes de Cristo aparecen inventariados e detallados nun traballo que o propio González Alén entregou ao Seminario de Estudios de Deza para a súa publicación no próximo anuario Descubrindo co título Arte rupestre no municipio de Silleda.


Localización do achádego
     A nova estación rupestre localízase no lindeiro das parroquias de Siador, Taboada e Silleda, nun penedal a 525 metros de altitude que ofrece unha ampla panorámica da comarca dezá, nun dos outeiros do coñecido Couto de Trasfontao, unha ampla superficie de monte que pertenceu en boa parte ao próximo Pazo de Trasfontao. 



     A estación rupestre ocupa boa parte dunha grande rocha duns 12 por 20 metros, con lixeira inclinación cara o sur-leste, parte dela cuberta de terra, liques e mesmo un pequeno piñeiro, e con mostras de ter sido barrenada hai anos para a obtención de pedra para os muros que pechan a finca.


     Os petróglifos que poden verse na actualidade a falta dunha completa limpeza da rocha, atópanse en dous grupos separados entre si uns dez metros, nas zonas que milagrosamente se salvaron da extracción de pedra e dun lume que anos atrás arrasou o mato que rodeaba este outeiro. Os petróglifos acusan ademais destas agresións, certo grao de erosión que fai que moitos deles só sexan visibles nunhas especiais condicións de luz.


Motivos xeométricos
     Do arredor de medio cento de gravados que poden ollarse nesta estación rupestre os máis deles son motivos xeométricos, con abundancia de combinacións circulares, xanelas, espirais, cazoletas e coviñas.



     Tamén poden verse outros motivos de difícil descrición ao aparecer superpostos e moi erosionados, destacando sobre todos unha representación dunha figura antropomorfa que o seu descubridor considera un caso singular no catalogo de petróglifos de Galicia.

MAPA

SÍGUENOS:
Facebook
Twitter
Pinterest
Google+
Instagram
YouTube
Fuente: Voz de Galicia
XOAN ARCO DA VELLA

2 comentarios:

  1. NUNCA, PERO NUNCA se deben de siluetear os petroglifos con xis ou calquera outro tipo de material. Se fai falla, faise un calco con papel cebola, pero ENDEXAMÁIS se deben de siluetear

    ResponderEliminar

Está permitida la reproducción total o parcial de los trabajos y fotos de este blog.
Te agradecemos nos sugieras de sitios para trabajos nuevos.
Mis correos:
Apd. de Correos: 83 - 36900 - Marin - Pontevedra
xoanarcodavella@gmail.com
Telf - WhatsAp.: 600590901